Galicia

A fin de semana, sen mortos nas estradas galegas

O 061 asistiu durante a fin de semana a un total de 82 persoas debido a 49 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres pasado ate este luns a medianoite. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o domingo con 21 accidentes.

A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 62 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 49 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 82 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 53 e do 47 %,  respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 28 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 23 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 58. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a sete sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 47 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria nunha ocasión. As ambulancias convencionais se mobilizaron en tres sinistros.

En 67 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, en 6 ocasións foron trasladados ao centro de atención primaria, en 9 casos foron atendidos no propio lugar do incidente, sen necesitar traslado.

 

También te puede interesar