A pensión media -que inclúe todos os tipos desta prestación: incapacidade permanente, xubilación, viuvez, orfandade e a favor de familiares- incrementouse un 2% en xaneiro en Galicia, en relación ao mesmo mes do ano anterior, ata se situar en 728,22 €, unha cifra que se mantén como a máis baixa do Estado e é 136,7 € inferior á media dela.
Segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, hai un total de 744.106 pensionistas en Galicia, un 1% maís que o primeiro mes de 2013.
A pensión media de xubilación no Estado alcanzou a principios do presente mes os 990,96 € mensuais, o que supón un 2,2% máis respecto ao mesmo mes de 2013. No caso de Galicia, a pensión media de xubilación situouse en 820,35 €, 170,61 € por debaixo da media estatal.
En Galicia hai 69.304 perceptores de pensións de incapacidade permanente, cunha media de 803,97 €; mentres que hai 460.108 xubilados, cuns ingresos por esta vía de 820,35 € de media. As pensións de viuvez son 186.429, cunha media de 524,56 €.
As pensións de orfandade son 22.540, cunha contía media de 365,97 €; e as pensións en favor de familiares alcanzan no presente mes as 5.725, cunha media de 464,87 €.
Ourense, a provincia coa pensión media máis baixa do Estado, rexistrou un incremento do 1,6% na contía da prestación media en xaneiro, un aumento inferior á media estatal e ao galego -do 1,8% e do 2%, respectivamente-. En concreto, os pensionistas ourensanos ingresan de media 631,78 €.
No caso de Lugo, a segunda provincia coa pensión máis baixa, o incremento rexistrado en xaneiro foi do 1,7%, ata os 645,97 €; en A Coruña, o aumento foi do 2%, ata os 767,71 €; e en Pontevedra as pensións aumentaron un 2,1% de media, ata os 767,95 €.