Acabouselle a paciencia. O secretario xeral do PSdeG anunciou a apertura dun expediente disciplinario aos cinco concelleiros críticos do Concello de Ourense que manteñen un enfrontamento co alcalde, despois de que ningún deles acudise este martes á reunión do grupo municipal.
As ausencias deste grupo, do que se considera líder a Antonio Rodríguez Penín, repítense dende decembro, cando por decreto Agustín Fernández, este concelleiro foi despoxado das súas competencias no goberno municipal.
A reunión deste martes contou co rexedor e os cinco edís afíns, ademais da directora xeral de Recursos Humanos, Carmen Rodríguez, quen é, ademais, a secretaria xeral da agrupación local dos socialistas ourensanos. Nesta agrupación están integrados todos os edís municipais salvo Susana Bayo -do sector crítico-, que forma parte da agrupación de Esgos.
José Ramón Gómez Besteiro advertiu este martes que “non” vai consentir que ningún traballador público, neste caso político, “incumpra as súas obrigas” como “servidor público”.
“No día de hoxe terase coñecemento pormenorizado da situación e adoptouse as medidas disciplinarias en relación con aqueles concelleiros que teñen a obriga de asistir ao seu traballo e comportarse como cargos electos do PSdeG. Ao longo do día coñecerán o alcance das medidas disciplinarias”, sinalou o secretario xeral dos socialistas galegos.
De feito, Besteiro, visiblemente serio, non descartou que esas “medidas que se inician” poidan conducir á expulsión do partido dos concelleiros críticos. “As medidas disciplinarias inícianse e poden rematar nesa situación, pero eu non quero prexulgar o desenlace, o PSdeG vai poñer en marcha o procedemento disciplinario”, concluiu.