Vigo al minuto

Convocada, este domingo en Vigo, unha manifestación para esixir o indulto para dous sindicalistas

Este domingo, día 9, está convocada en Vigo unha manifestación (11 e media na Praza de España) para esixir o “indulto inmediato” dos dous sindicalistas que foron condenados a tres anos de cárcere por participar nun piquete nunha folga de transporte en abril de 2008

As centrais consideran “desproporcionada e inxusta” a condena aos sindicalistas Serafín Rodríguez (CIG) e Carlos Rivas (UGT), un rexeitamento que tamén amosou o BNG, que levou ao Parlamento e ao Congreso esta petición, o PSdeG, que tamén se unirá á marcha en apoio aos dous sindicalistas, e o alcalde de Vigo, quen recibiu aos dous condenados e comprometeuse a plantexar o seu indulto ao Goberno do Estado.

Serafín e Carlos lembraron que durante a manifestación se situaron na rotonda de Bouzas xunto a unhas 80 persoas e alí, a policía lles esixiu que se identificasen, chegándolles un tempo máis tarde a citación da xuíza. Non obstante, eles rexeitaron estar a facer actos vandálicos ou impedir que os traballadores acudisen ao seu posto de traballo.

“Non estaban a facer danos, non cortaban o tráfico e non hai denuncias de particulares nin de empresas”, asegurou o voceiro da CIG en Vigo. Non obstante, os dous sindicalistas foron condenados á pena máxima – tres anos de cárcere cada un- acusados dun delito contra os dereitos dos traballadores.

 

También te puede interesar