A Parroquia Cristo da Victoria, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), o Grupo de Axitación Social (GAS), o Colectivo Imán e Oficina de Dereitos Sociais-Coia, convocan un peche de 12 horas nos baixos da devandita parroquia este sábado, día 15, cun dobre obxectivo: compartir unha xornada de convivencia e reflexión, e denunciar publicamente “unha vez máis” a situación de “indefensión na que nos atopamos a cidadanía pola falta de solucións das administracións públicas ante o crecente empobrecemento do que somos vítimas”.
Nunha nota enviada aos medios de comunicación, este colectivos subliñan que “chegou o momento de pecharnos: pecharnos porque nos pechan todas as portas; pecharnos, aínda que pareza paradoxo, para que os responsables políticos e a sociedade toda nos vexan e nos escoiten”.
Todos eles convidan ás persoas que queiran sumarse a esta iniciativa a que se acheguen o sábado de 10 da mañá a 10 da noite para “reivindicar o noso dereito a vivir dignamente ao tempo que compartimos un espazo privilexiado de encontro coa finalidade de buscar e construír entre todas alternativas xustas e posibles fronte a exclusión e a precariedade que pretenden imponernos”.