As tres empresas adxudicatarias dos dous edificios previstos para a Cidade da Cultura – un teatro da música e un centro de arte – a finalización da cal non se levará a cabo tras o mutuo acordo alcanzado coa Xunta de Galicia teñen ata o 31 de decembro para propoñer, desenvolver e explotar mediante concesión administrativa un proxecto alternativo “con cargo aos seus recursos”.
Na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente Feijóo, concretou que esas propostas deberá respectar o deseño do complexo cultural do Monte Gaiás e os fins para os que foi concibido. “Deberá ser coherente coa estrutura arquitectónica exterior e coherente cos fins aos que se dedica a Cidade da Cultura”, resaltou.
A reunión semanal do Goberno galego autorizou este xoves a resolución por mutuo acordo dos contratos dos edificios pendentes do Gaiás, motivo polo cal o presidente salientou que “non suporá ningún custo” para os galegos”. Despois de “varios meses de negociacións”, segundo recoñeceu, o acordo coas sinaturas supón que estas renuncien a todo o beneficio industrial que lles correspondería, que cifrou nuns 5 millóns de euros.
Agora, no prazo de dous meses dende a sinatura da resolución, as partes negociarán a cifra que se aboará ás tres sociedades involucradas, isto é, a liquidación dos gastos das obras que si se executaron ata o momento.