Os estudantes galegos de ensino medio e universitario están chamados a este xoves, día 20, a unha nova xornada de folga e manifestacións “contra os ataques ao ensino público” e a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
A protesta, convocada polas organizacións de alumnos Agir, Os Comités e A Liga Estudantil – e apiada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público-, farase, ao tempo, en 20 concellos galegos baixo o lema ‘En pé por un ensino público galego’. As marchas sairán ao mediodía en localidades de Santiago (Alameda) A Coruña, Lugo, Vigo (Praza de América), Ferrol, Ourense, Pontevedra, Carballo, Cee, Moaña, Noia, Ponteareas, Pontedeume (ás 10 da mañá), Ribadeo, Ribeira, Sarria, Verín, Vilagarcía e Vilalba.
As entidades convocantes presentaron estas protestas por toda Galicia nas últimas semanas, co fin de realizar un “chamamento ao estudiantado galego e ao conxunto da sociedade para que se mobilice, para que loite “.
Ademais de contra a ‘Lei Wert’, a protesta é contra os recortes en Erasmus, con estanzas máis reducidas, ou a redución de profesorado galego dos últimos anos. Agir e Os Comités e Liga Estudantil Galega tamén avanzaran na presentación da folga do 20 de febreiro que se trata do inicio dun calendario “continuado” de protestas “contra os ataques ao ensino público”.