Comarcas

A Deputación e Costas acordan investir 1,5 millóns para arranxar os danos dos temporais

Temporal en Baiona/ Foto: Pily Reñones

A Deputación de Pontevedra e a Xefatura provincial de Costas de Pontevedra colaborarán na reposición de infraestruturas danadas polos temporais en diversos concellos do litoral, segundo acordaron este martes nunha reunión de traballo o presidente da institución provincial, Rafael Louzán, e a xefa de Costas, Cristina de Paz Curbera.

Cun financiamento de 1.545.000 €, aprobados polo Consello de Ministros para os danos producidos en Pontevedra, ambas as dúas institucións actuarán no litoral dos concellos de Nigrán -en Panxón -, O Grove -A Lanzada e A Toxa-, Redondela -praia de Cesantes-, Poio –Raxó-, Sanxenxo e Baiona, coa construción dun dique e dunha pasarela preto do cámping de Ladeira.

A empresa pública Tragsa executará a maioría destes traballos aínda que unha pequena parte sairá a licitación pública. A maiores, con medios propios, a Deputación intervirá na reposición dos accesos ao Porto de Beluso, en Bueu, e tamén nos accesos á praia de Menduña, en Cangas do Morrazo.

A coordinación entre ambas as dúas institucións plasmarase en que a Deputación porá a disposición deste plan para recuperar o litoral os medios materiais e humanos do seu Parque de Maquinaria para ter en perfecto estado a zona costeira e as praias de cara á Semana Santa.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a xefa de Costas, Cristina de Paz Curbera, este martes na Deputación

Como complemento a todas estas actuacións, Louzán anunciou tamén que este martes se publicou no Boletín Oficial da Provincia as bases do Plan de Emprego polo que os concellos poderán dispoñer de 800 operarios para a recuperación de danos producidos polos temporais en infraestruturas municipais.

Os concellos disporán ata o 14 de marzo para solicitar as axudas correspondentes para contratar operarios municipais e deberán contratalos ao longo do mes de abril. Serán contratados, preferentemente, persoas que non reciban ningún tipo de prestación.

Cada concello poderá dispoñer de entre 8 e 17 traballadores en función da súa poboación. Os operarios serán contratados a tempo parcial, cunha xornada de 25 horas semanais e por un período de seis meses

 

También te puede interesar