Galicia segue a ter as pensións máis baixas do Estado: 822 € a de xubilación ou 525 € a de viuvez

A pensión media do sistema, que inclúe as de xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e en favor de familiares, se incrementou un 2% en febreiro en Galicia, ata unha media de 729,8 €, a máis baixa do Estado e as deixa case 137 € por debaixo das estatais.

A pensión media en España situouse no segundo mes do ano en 866,57 €, segundo os datos difundidos este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, segundo os cales se destinaron 7.927,1 millóns de euros ao pagamento das pensións contributivas, un 3,5% máis que no mesmo mes de 2013.

Galicia é tamén a comunidade coas prestacións de xubilación máis baixas -822,55 €, fronte aos 993,36 de media do Estado- e son 459.507 os xubilados que ingresan estas pensións.

En canto ás pagas por incapacidade permanente, son 69.164 os perceptores, cunha contía media de 804,71 €; mentres que as de viuvez son recibidas por 185.932 persoas, cunha media de 525,19 €. As de orfandade alcanzan os 365,42 € de media e son percibidas por 22.632 persoas; mentres que as pensións en favor de familiares se sitúan en 5.703 e teñen un importe medio de 465,45€.

Por provincias, Ourense mantense como a que ten a pensión media máis baixa do Estado, con 633,02 €, unha cantidade que é un 1,5% superior á de febreiro de 2013. En Lugo, o importe situouse en 647,14 € no segundo mes do ano, un 1,7% máis; mentres que en A Coruña a contía foi de 769,45 €, un 2% máis; e en Pontevedra, de 769,66, un 2,1% máis.

Se se ten en conta unicamente a pensión de xubilación, tamén é Ourense a provincia con menor contía, con 690,97 €; mentres que en Lugo a prestación alcanzou os 718,71 €; en A Coruña, os 873,94 €; e en Pontevedra, os 879,91.

 

También te puede interesar