Cultura Vigo al minuto

O reitor da Universidade de Vigo que saia das eleccións do 1 de abril será Salustiano Mato

Ao longo dos cinco días que abranguía o prazo de presentación de candidaturas para contender ás eleccións a reitor do vindeiro 1 de abril,este martes só Salustiano Mato presentaba a súa no Rexistro Xeral a través dun escrito dirixido ao presidente da comisión electora.

Chegadas as 2 da tarde os rexistros dos tres campus finalizaban a súa actividade sen que se recibise ata ese momento ningunha outra candidatura á Reitoría, un feito inédito na Universidade de Vigo, ainda que xa se ten producido noutras institucións académicas españolas. Tal é o caso da Universidad de Alcalá de Henares que o vindeiro día 27 de febreiro votará a un único candidato, o actual reitor en funcións, Fernando Galván, ou o da Universidade de Salamanca, que en 2013 elixiu a Daniel Hernández Ruipérez, que tamén concorrera como único aspirante á Reitoría.

Aínda que haberá un único candidato a reitor, Alternativa Universitaria deberá enfrontarse a Nova Universidade no proceso de renovación do Claustro, despois que o voceiro da comisión xestora da formación, Javier Rodríguez Berrocal, confirmase a súa intención de traballar centro por centro, animando á participación.

Nesta cita electoral teñen dereito a voto un total de 21.557 persoas, das que 19.072 son estudantes, 924 docentes funcionarios, 877 persoal de administración e servizos e 744 docentes e investigadores non funcionarios. O voto será ponderado por sectores, correspondéndolle ao profesorado funcionario doutor o 51%; ao resto do persoal docente e investigador o 9%; ao estudantado o 30% e ao persoal de administración e servizos o 10%.

O reitor, segundo recollen os Estatutos da Universidade de Vigo, é elixido pola comunidade universitaria, entre os catedráticos da institución, por un período de catro anos e con posibilidade dunha soa reelección.

No seu caso, os membros do Claustro son elixidos por catro anos, excepto o alumnado que é elixido por dous. Un total de 254 membros integran o Claustro: o reitor, o secretario ou secretaria xeral, o ou a encargada de Xerencia, 128 representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade, 23 representantes do restante persoal docente e investigador, 75 representantes de estudantes e 25 representantes do persoal de administración e servizos.

 

También te puede interesar