Vigo al minuto

O vindeiro día 16, volve ‘Camiño a Camiño’

Vigo retoma este próximo 16 de marzo o Camiño a Camiño, programa municipal que chega á súa sétima edición mantendo como obxectivos a sensibilización medioambiental e o fomento de hábitos saudables entre a cidadanía.

Camiño a Camiño combina neste 2014 os tradicionais percorridos por Vigo e Galicia coas actividades de voluntariado ambiental, as hortas-escola, actividades formativas e tamén divulgativas, unha das novidades deste ano, a celebración de conferencias.

A primeira actividade será unha ruta polos principais humedais da cidade, o 16 de marzo, e continuará con percorridos polos montes de Comesaña ata o monte dos Pozos e coa ruta da auga, en tres etapas. Os participantes poderán coñecer as covas e fervenzas no Folón, a do río Toxa e nas Illas Cíes, e celebrarase tamén a primeira andaina polos montes de Vigo, nunha ou en varias citas, para que poida participar todo tipo de camiñantes.

De cara ao verán, proxecta percorrer o sendeiro azul, do Lagares ao mareal de Alcabre, e a xa tradicional ruta nocturna polo Galiñeiro. Os usuarios poderán igualmente coñecer os ecosistemas da montaña dos Ancares durante unha fin de semana.

Preto de 4.500 persoas participaron na pasada edición nalgunhas das opcións do Camiño a Camiño: as rutas, as hortas-escola e o voluntariado ambiental. Tanto as hortas como o voluntariado precisan dun curso formativo previo que ofrece o Concello e que no 2013 fixeron 1.100 persoas.

Case 400 voluntarios están inscritos no programa, que realizaron o pasado ano 10.000 horas de traballos de conservación do Lagares, A Bouza e os areais vigueses, das Illas Cíes e VigoZoo, nos senderos e nas hortas urbanas. Outros 400 usuarios están inscritos para traballar as hortas municipais de Fontáns, Navia, Camelias, Pedro Alvarado, Sardomela, Casa da Xuventude e VigoZoo, para todas as idades e con bancadas adaptadas.

 

También te puede interesar