Galicia

Feijóo adianta que os danos dos temporais nas insfraestructuras dependentes da Xunta superan os 21 millóns

O presidente Feijóo, cifrou este xoves, nunha primeira avaliación, en máis de 21 millóns de euros os danos sufridos nas infraestruturas públicas xestionadas pola Administración autonómica, por mor dos distintos temporais que vén sufrindo, ininterrompidamente, Galicia nos últimos meses.

Nun primeiro termo, e durante a rolda de prensa do Consello, o xefe do Goberno adiantou a posta en marcha de solucións, que en moitos casos xa se teñen levado a cabo con carácter de emerxencia. “Avaliamos os danos con axilidade e hoxe mesmo coñecemos xa un informe detallado dos distintos danos ocorridos nas infraestruturas xestionadas pola Administración autonómica”, incidiu.

Nesta liña, precisou que os danos sufridos nos centros sanitarios ascenden a preto de 6 millóns de euros; a case 2 millóns os danos nos centros educativos; a 1 millón de euros nos parques naturais e organismos ambientais; a preto de 500.000 € en edificios administrativos e a 40.000 € os danos referidos a albergues, campamentos, escolas infantís e centros de maiores.

No que se refire a Portos de Galicia, o titular da Xunta valorou en preto de 4,5 millóns de euros os desperfectos sufridos nos portos de baixura e no total da rede de portos de titularidade autonómica.

Así mesmo, os danos en estradas ascenden a preto de 7 millóns, debido fundamentalmente a desprendementos e noiros e sen contar os danos no asfalto e no firme.

Ademais de traballar para coñecer a afectación concreta dos temporais, Feijóo subliñou que o Goberno galego “comezou xa a buscar solución”. E, neste sentido, indicou que a Xunta xa ten comezado as dilixencias oportunas ante as distintas compañías aseguradoras para que se fagan cargo dos danos de acordo cos criterios establecidos nas pólizas de seguro.

Por último, o presidente referiuse tamén as perdas ocasionadas no sector primario galego; perdas que cualificou de moi importantes e que precisan do Real Decreto Lei de 21 de febreiro do Goberno de España, polo que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados durante os primeiros meses do ano 2014.

 

 

También te puede interesar