A conselleira de Sanidade asegurou este venres que o Servizo Galego de Saúde non pode intervir no conflito de Povisa e os seus traballadores porque “é un tema de relacións laborais”.
Así o manifestou Rocío Mosquera antes de intervir na inauguración do VII Congreso da Sociedade Española de Infectología Pediátrica, que se celebra en Santiago, ao ser preguntada pola petición dos traballadores de Povisa de que a Xunta e o Sergas medien para evitar a folga indefinida convocada para o 17 de marzo.
“É un problema de relacións laborais entre unha empresa privada e os seus traballadores, igual que en todo o resto de conflitos que hai en empresas que están contratadas polo Sergas ou que están a traballar dun xeito moi importante para o Sergas. Non podemos nós intervir”, reiterou a conselleira.
A titular de Sanidade concluiu que, “en todo caso, a Xunta terá que intervir a través de Relacións Laborais pero nunca o Sergas”, concluíu.