
Karra Elejalde ainda non é galego… polo dagora xa é o ‘Bocas’ e é verdade: veu ao que veu.“Os actores son xa os personaxes”, é o primerio que nos di Ignacio Vilar, director de A Esmorga, “a rodaxe vai ben…moi ben…mellor do que agardabamos”, ainda en interiores – o bo tempo non acompaña para rodar en exteriores, qué cousas! logo de tres meses co ‘atrezzo’ doutra película: Noé –.

Se cadra, Ignacio saberá, o cine trátase diso: de que os actores deixen de ser eles para acabar comportándose coma os personaxes…non a tempo completo,…perderse a Elejalde sentado nunha caixa, no corredor dun pazo de Monforte, contando un conto con acento ourensán, ou a Morris tres cuartas partes ‘Milhomes’ e o outro tercio gafas do sheriff Gillespie, en ‘No calor da noite’, sería pagar de maís. Pero a atmosfera sí que é a de A Esmorga, e non se esvaece, nin entre cables, micros, lámpadas e monitores, nin co tempo que hai que agardar entre toma e toma.

Desta vez estamos no Pazo de Tor, que rexurde tomado por uns trebellos que non podían imaxinarse cando vivían aquí algúns dos nobles, señoras enxoiadas, militares e bispos que fan de figurantes dende os cadros pendurados nas paredes, menos naturais que as ovellas ou gansos cos que o director e os actores estiveron consultando antes de empezar a rodar.

Falamos co director e cos actores asomados a un balcón que da a un labirinto que está no medio dun xardín: en Lugo pódense atopar tal cousa e, de paso, a Xurxo Lobato, con chaqueta de la. Logo faría de cicerone, aconsellaríanos sobre a luz, ofreceríase a tirar as fotos que nos non lograsemos tirar e iría desaparecendo e aparecendo como Melquíades, o de Macondo.

No medio de todo, Elejalde repite o seu diálogo, Morris espera levando un colar de perlas e un anel de ouro e Miguel de Lira ponse diante da porta tras a cal a cámara enfoca o retrato dalguén que o máis que chegou a saber de todo isto que pasa na súa casa foi o que lle contaran: que, en Francia, uns tal Lumiere inventaran unha máquina que recollía e amosaba imaxes en movemento.