Vigo al minuto

Os traballadores de Povisa aprazan a folga ata que Traballo garanta o cumprimento dos servizos mínimos

O cadro de persoal do hospital vigués Povisa decidiu hoxe en asemblea aprazar a folga indefinida iniciada onte até que a Inspección de Traballo non garanta o cumprimento dos servizos mínimos, que dende o comité cualifican de “abusivos”. O paro continuará vixente até as 10 da noite deste mércores, xornada na que os empregados trasladarán as protestas á autoridade laboral a primeira hora da mañá.

A decisión de aprazar –non supender nin desconvocar- a folga contra a perda de dereitos laborais foi adoptada na asemblea celebrada ás portas do centro médico vigués ás 3 da tarde. Foi o propio comité de folga o que trasladou a proposta de aprazar o paro ante os constantes incumprimentos dos servizos mínimos por parte da empresa, “o que fai imposíbel manter a folga”.

Nun principio a idea era que o paro quedase aprazado esta mesma noite, pero os empregados preferiron mantelo até a noite do mércores para poder ir pola mañá á Inspección de Traballo.

E que está previsto que a partir das 9.30 horas acudan á sede da autoridade laboral para facer chegar as súas queixas sobre os incumprimentos dos servizos mínimos e a falta de resposta da Inspección. Neste senso, a presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, explicou hoxe na rolda de prensa celebrada tras a asemblea que solicitaron a presenza dun inspector en Povisa ao comprobar que a dirección estaba a incumprir os “abusivos” servizos mínimos.

Neira lembrou que o centro médico ten 700 dos 1300 empregados adscritos ao servizos mínimos, “ao que hai que sumarlle os 300 médicos”. Deste xeito, unicamente 300 persoas poden optar por secundar a folga, o que está a facer algo máis da metade. Isto fai que o seguimento do paro supere o 50% xa dende a xornada inicial do luns.

 

También te puede interesar