Representantes das plataformas de Afectados polas Preferentes están convocados a un encontro este venres co presidente de Grupo Banesco, Juan Carlos Escotet, a entidade á que se adxudicou Novagalicia Banco. O mércores da próxima semana, membros da Coordinadora das plataformas desprazaranse a Madrid para manter un encontro co director do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), Antonio Carrascosa.
Os afectados solicitaran unha entrevista con Escotet pouco despois de coñecerse a decisión do da adxudicación de NGB a Banesco e logo de que Escotet se comprometese a dar unha solución aos afectados en 90 días – prazo que venceu a finais de marzo-.
Ante a demora, as plataformas continuaron as protestas e pediron explicacións, posto que entenden que a única vía para recuperar o seu diñeiro, de acordo coas condicións de venda dadas polo FROB, é que exista unha sentenza xudicial firme.
O encontro será este venres á 1 da tarde na sede de Novagalicia en Compostela, mentres que o mércores que ven, día 9 o director do FROB recibirá a unha representación da Coordinadora Galega de Plataformas ao mediodía, en Madrid.