Amaral e Vetusta Morla actuarán este domingo ás 12 e media, fronte á embaixada estadounidense en Madrid, para apoiar a familia do xornalista galego asasinadodurante a guerra de Iraq, coincidindo co undécimo aniversario da súa morte.
Como cada ano, familia, amigos e compañeiros concentraranse para “pedir xustiza pola súa morte”. No acto, ademais das actuacións, tamén intervirán David Couso, Maribel Permuy e Rafael Permuy, irmán, nai e tío de José Couso, ademais do avogado do caso, Enrique Santiago.
O caso segue aberto 11 anos despois, tras o recente auto do xuíz Santiago Pedraz no que mostra a súa firme disposición a continuar coa investigación. O maxistrado negouse a arquivar a causa na que se investiga a morte do cámara, asegurando que a reforma que limita a xurisdición universal ten “evidentes lagoas” que fan imposible a súa aplicación a este caso.
“É fundamental reparar a dor dunha familia que pide xustiza, pero aínda máis importante é defender a liberdade de información e de prensa. Con esta nova reforma, o Goberno, obedecendo aos ditados das grandes potencias, deixa sen tutela xudicial aos cidadáns españois que viaxen ao estranxeiro e sexan vítimas de crimes de lesa humanidade”, explicou a familia nun comunicado.