O xurado internacional da décima edición de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui concedeu o premio desta edición a Lois Patiño pola súa obra ‘Costa da Morte’.
O xurado destacou a aposta de Patiño “por desenvolver unha proposta onde se xunta origor formal coa capacidade de presentar un retrato vivo dun lugar e dunha comunidade”.
O vigués Lois Patiño é un habitual do certame, que xa amosou en dúas ocasións anteriores os seus curtos paisaxísticos. Como elrecordou ao recoller o premio: “Levo vindo aquí cinco anos, ben como espectador ou coas miñas películas, e espero seguir facéndoo moitos máis”.
Esta obra de Lois Patiño recibiu varios premios en diversos festivais como o de mellor director emerxente que se levou no Festival de Locarno, mellor filme no Ficunam de México ou o galardón á Mejor Película de non ficción na sección Novas Ondas do Festival de Cinema Europeo de Sevilla (SEFF) 2013. “Deixei de contar”, chanceou sobre o número de recoñecementos que tivo.
Lois Patiño (Vigo, 1983) compaxinou os seus estudios de psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de cinema na escola Tai. Continuou a súa formación de cinema na NYFA de New York e en Barcelona, onde realizou o Master de Documental de Creación na Universidade Pompeu Fabra.
Pola súa banda, o tamén vigués Diego Romero-director de fotografía da recén rematada A Esmorga- recolleu unha mención especial por ‘Stop the Pounding Heart’. O filme está dirixido polo italiano Roberto Minervini, e Romero éo seu director de fotografía.