Vigo al minuto

O fiscal recorre a decisión da xuíza de suspender a entrada en prisión de Serafín e Carlos

Os secretarios comarcais da CIG, UGT e CCOO de Vigo compareceron este luns en rolda de prensa para anunciar que o fiscal vén de recorrer a decisión da xuíza de suspender a execución da sentenza no caso dos dous traballadores condenados a tres anos de cadea por participar nun piquete. As organizacións sindicais convocan unha nova manifestación para reclamar o indulto para Serafín Rodríguez e Carlos Rivas que sairá este xoves da Praza dos Cabalos ás 7 e media da tarde.

Os representantes sindicais amosáronse moi críticos coa decisión do fiscal de recorrer a medida adoptada pola xuíza do Penal e que evitaba a entrada en prisión dos afectados até que o Consello de Ministros non se pronuncie sobre a segunda petición de indulto formulada polas tres centrais.

“O tempo agora corre na nosa contra, xa que a partir de agora temnos 20 días para presentar alegacións na Fiscalía”, sentenciou o secretario comarcal da CIG durante unha comparecencia na que estivo presente Carlos Rivas e a compañeira de Serafín Rodríguez, que se atopaba traballando.

Deste xeito, os sindicatos anunciaron unha intensificación das protestas para lograr a medida de graza cos traballadores, comezando por unha nova manifestación este mesmo xoves día 10. A marcha, para a que reclaman o apoio de toda a cidadanía, partirá da Praza dos Cabalos ás 19.30 horas e rematará a carón da farola de Urzaiz.

Pola súa banda, Carlos Rivas indicou que o “raio de esperanza” que percibiron tras a decisión da xuíza esfúmase agora co recurso e dixo non entender “ este ensañamento do fiscal con nós”. Finalmente, a compañeira de Serafín Rodríguez subliñou o importante apoio social colleitado pola petición de indulto, o que testemuñan as máis de 20.000 sinaturas recollidas na rúa e as máis de 5000 a través da rede.

 

También te puede interesar