O Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra, xestiona na actualidade unha media de 3 adopcións diarias. Esta cifra triplica á dos primeiros meses de funcionamento do centro e é o resultado das campañas de concienciación en contra do abandono de animais e a prol da adopción iniciada a finais do pasado ano e que nestes momentos se están a desenvolver en diversos colexios de infantil e primaria da provincia de Pontevedra.
Cando se cumpre un ano da posta en marcha deste centro, ao que están adheridos 48 concellos da provincia, lévanse realizado máis de 2.000 intervencións, 340 animais atoparon un novo fogar e outros 286 puideron regresar cos seus donos: o CAAN conseguiu que 626 animais que deambulaban polas rúas co conseguinte perigo tanto para eles como para as persoas, estean agora nun fogar.
Das máis de 2.000 intervencións que o centro realizou nestes primeiros meses, o maior número (538) centráronse na comarca de O Salnés, motivado en boa medida polo elevado número de abandonos que se realiza no contorno da canceira. De feito, das 538 realizadas, 141 fixéronse en Meis. Tamén son destacables nesta comarca, as intervencións realizadas en Vilanova, con 111. Gondomar é outro dos concellos cun elevado número de actuacións, con 119. Por comarcas, ademais de O Salnés, destaca Vigo, con 480 intervencións e Deza, con 193.