Vigo al minuto

A Xunta alegará á Lei do Poder Xudicial para manter os tribunais de instancia en Vigo, Santiago e Ferrol

O vicepresidente Rueda/Tresyuno Comunicación

O vicepresidente da Xunta avanzou este domingo que o Goberno galego presentará alegacións ao anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial co fin de que se recollan as especificidades da organización xudicial de Galicia

Nunha entrevista concedida á Cadena SER, Alfonso Rueda asegurou que a Xunta fará “todo o posible” para evitar a desaparición dos partidos xudiciais e as súas peticións sexan atendidas polo Ministerio de Xustiza, de tal forma que espera que haxa cambios no texto xa remitido polo Goberno central ás comunidades autónomas, “non pola presión, senón polo sentido común. O Ministerio acaba de pedir un informe e nós diremos, dentro das nosas competencias, como cremos que debería ser a organización xudicial en Galicia”, sostivo.

O anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial atópase en fase inicial de tramitación, nun proceso no que aínda faltan os informes das comunidades autónomas e do Consello de Estado, antes da súa aprobación en Consello de Ministros e a súa remisión ao Congreso para a súa tramitación parlamentaria.

As alegacións da Xunta van na liña de manter tribunais de instancia cun ámbito distinto ao provincial – como é o caso de que cidades como Santiago, Vigo ou Ferrol, para que poidan manter o seu status xudicial- xunto á petición de que exista flexibilidade para que as comunidades autónomas poida definir o seu mapa xudicial, en coordinación co Poder Xudicial.

 

También te puede interesar