Un total de 987 empresas solicitaron participar no segundo Plan de Práctica Laboral posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e que permitirá que entre 400 e 500 titulados universitarios e de ciclos superiores de FP poidan realizar prácticas nas áreas de coñecemento nas que se formaron.
Así o anunciou este venres, en rolda de prensa, o presidente do organismo provincial, que incidiu en que se trata dunha liña de traballo que busca dous obxectivos fundamentais: por unha parte, axudar a fortalecer o tecido empresarial da provincia e, pola outra, dar unha oportunidade a novos titulados que nunca antes tiveron ocasión de acceder ao mercado laboral.
Nos meses de maio e xuño, sinalou Rafael Louzán, procederase ao estudio das solicitudes presentadas polas empresas, comprobando a documentación e valorando as distintas propostas, co obxectivo de seleccionar as que finalmente participarán no programa e de definir o perfil de bolseiro que demandan, que na anterior edición do plan incluíu 113 titulacións.
Á hora de seleccionar as empresas darase prioridade ás empresas que, cumprindo con todos os requisitos esixidos, ofrezan maiores garantías de consolidación do posto de traballo. Unha vez seleccionadas e decidido o número de bolseiros que se lle adxudica, procederase á convocatoria das bolsas, que se realizará no mes de xullo.
Inicialmente, a administración provincial convocará entre 400 e 500 bolsas dun ano de duración, pero non se descarta a posibilidade de incrementar este número en función da calidade dos proxectos presentados polas empresas e da demanda de bolsas que realicen os titulados.