Este xoves celebrouse a I Quedada Literaria 2014 de Vigo e bisbarra, coa participación de medio millar de alumnos, de Infantil a Bacharelato, procedentes de oito centros. A Quedada pecha os obradoiros literarios que organiza o Concello durante o curso e enmárcase na celebración do Día das Letras Galegas 2014, que homenaxea a Xosé María Díaz Castro, que fai o número 12 dos lucenses aos que se lles adicou este día dende 1963.
A Quedada Literaria citou en distintos puntos do parque de Castrelos a 500 alumnos de oito centros de Vigo e bisbarra, que fixeron lectura individual e compartida, contacontos, ou intercambiaron portadas de libros, entre outras actividades.
Conducida pola actriz Uxía Blanco, tivo lugar unha posta en común das lecturas nos xardíns do Pazo Quiñones de León, cos mozos e mozas recitando, cantando e contando.
O alcalde animou aos rapaces a “dar valor” ao galego e convertelo en lingua vehicular de Galicia no Día das Letras Galegas e durante o resto do ano. “Aquí queremos o galego, a Galicia”, dixo Abel Caballero, quen fixo fincapié en que no sur de Pontevedra se seguirá “falando, escribindo, estudando, creando ciencia e poesía en galego”.