A Xunta está a estudar o xeito “menos gravoso” de compensar ás empresas concesionarias das autovías do Barbanza e O Salnés ante a baixada de tráfico – un 42% no primeiro caso en un 40% no segundo- co fin de evitar o desembolso dos máis de 127 millóns de euros que figuran nos contratos coa Administración en concepto de responsabilidade patrimonial.
Así o adiantou este xoves na en comisión parlamentaria a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Ethel Vázquez, a preguntas da deputada Ana Pontón, quen calificou de “escandalosa a política do PP de salvar á banca e ás empresas utilizando diñeiro público pero non aos que perderon o seu traballo ou o seu fogar”.
Para a deputada nacionalista, quen afirmou que non creía nas casualidades, denunciou que “non é casual” que empresas beneficiadas polo PP aparezan citadas no marco da trama Gürtel ou que outras, como “Pontes e Calzadas”, deran traballo con anterioridade ao propio conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández.
Vázquez respostou que “o principio de equilibrio económico” nas concesións forma parte da normativa estatal, polo tanto, “é legal” compensar, sexa con ampliacións do prazo de adxudicación ou subas de tarifas, a estas empresas. E, no caso das autovías do Salnés e O Barbanza, salientou que a “inviabilidade” das compañías que as xestionan está “acreditada con diferentes informes”. De feito reiterou, ambas as dúas “corren o risco real” de entrar en concurso de acredores, o que implicaría a inviabilidade de ambas as dúas concesións.
A deputada Pontón insistiu en que as concesionarias da administración “ son as únicas empresas que teñen garantidos os seus beneficios” e explicou este feito pola “existencia das portas xiratorias”, que levan a responsables políticos de alto nivel a acabar traballando para as grandes compañías, “o que é unha fraude ao conxunto da sociedade”.