O equipo de Investigación de Incendios Forestais da Policía Autonómica en Santiago, en colaboración co persoal do Distrito IV-Barbanza, procedeu á detención do autor confeso de tres incendios forestais no concello de Boiro.
Os lumes producíronse entre os días 12 e 13 desta semana na parroquia de Bealo e arrasaron unha superficie total de 1.700 metros cadrados de monte raso. Como consecuencia das pescudas e das entrevistas a veciños realizadas polos axentes procedeuse á detención do sospeitoso, que acabou recoñecendo a autoría dos lumes.
O detido conta con numerosos antecedentes por feitos similares, polo menos en 11 incendios ocorridos nos últimos anos nas inmediacións dos lugares de Armada e Galea. En concreto tratase dun incendio en 2005, 9 en 2011 e outro en 2012, no que arderon 255 hectáreas de monte. A estes hai que sumar estes tres últimos lumes.
En todos os incendios. o detido mostrou o mesmo modus operandi en canto ás horas de inicio, uso directo do lume –mediante mistos- e ás zonas, todos nun radio de 500 metros do lugar de Armada, nas beiras dos camiños de terra de acceso ás fincas. Destes feitos deuse coñecemento ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.