Tráfico e a Policía Local inician este luns unha campaña especial de vixilancia e control de motocicletas

A Dirección Xeral de Tráfico inicia este luns, día 19 de maio, unha campaña especial de vixilancia e control de motocicletas, que se desenvolverá ata o próximo domingo, día 25, nas estradas galegas. Nesta iniciativa a participación de concellos e Policías Locais cobrará unha especial relevancia pola utilización máis frecuente das motocicletas no ámbito urbano.

A Delegación do Goberno explicou que durante esta semana a DGT controlará os aspectos que constitúen os principais factores de risco asociados a estes vehículos, xa que unha conduta inapropiada na súa condución adoita ter resultados moito máis graves e, consecuentemente, o control e prevención debe ser intensa e rigorosa. Así, prestará especial atención aos adiantamentos antirreglamentarios, caducidade de ITV, uso do casco e excesos de velocidade.

Segundo recordou a Delegación, as porcentaxes de ausencia de casco en falecidos e feridos graves en vías urbanas seguen sendo significativo. De feito, tres de cada catro motoristas falecen a consecuencia de feridas na cabeza, o risco de sufrir unha lesión cerebral multiplícase por tres, se o condutor ou pasaxeiro da motocicleta non leva posto o casco e, ademais, co uso do casco, a probabilidade de saír ileso do sinistro aumenta nun 20 %.

Outros datos que explican esta campaña son o feito de que entre os anos 2003 e 2012, o parque de motocicletas se incrementou nun 88 %: o parque de motocicletas máis ciclomotores, a 31 de decembro de 2012, supón arredor do 16 % do total do parque de vehículos.

Durante a última campaña destas características, desenvolvida en abril de 2013, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil efectuou en Galicia 3.500 controis a este tipo de vehículos a motor. Por esta vixilancia, formuláronse 106 denuncias, das cales destacan as irregularidades por exceso de velocidade e adiantamentos irregulares, seguidas polas denuncias por irregularidades no paso da ITV, por alcohol ou por ausencia de casco.

 

También te puede interesar