Segundo denuncian os seus traballadores, Freiremar puxo en marcha unha estratexia para evitar o pago das indemnizacións por despido máis elevadas e está a ofrecer 20 días por ano traballado a cambio de renunciar ás débedas que a compañía mantén co cadro de persoal. Dende a CIG recomendan non aceptar a oferta e confían en que a Audiencia Nacional anule o vindeiro 26 de xuño o ERE que afecta os 322 empregados de Freiremar.
Os traballadores de Freiremar compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar publicamente as propostas de indemnización que a empresa está a “trasladarlle a aqueles empregados con maior antigüidade e, polo tanto con dereito a unha maior indemnización”.
Polo de agora foron 10 as persoas en todo o Estado -das 322 que integran o cadro de persoal- que recibiron unha chamada e a continuación unha carta de Freiremar na que se lles detalla a proposta. “Cónstanos que polo de agora aceptaron unicamente seis, ningunha delas galega; pero estamos seguros de que a empresa irá subindo a oferta a medida que se achegue o día do xuízo de impugnación do ERE na Audiencia Nacional, previsto para o vindeiro 26 de xuño”.
Segundo critican, a dirección de Freiremar está a “xogar coa miseria dos traballadores”, xa que moitos están a cobrar unicamente o 50% da prestación por desemprego “e a súa situación económica pode arrastralos a aceptar unha oferta que os prexudica”. Ademais, segundo sosteñen, a empresa presionaos dicíndolles que “se non aceptan estes cartos agora logo non vai haber diñeiro para todos”.
Na CIG están convencidos de que se trata dunha “artimaña” de Freiremar para tratar de evitar “todo o que se lle vén enriba”, tendo en conta de que no caso de que o ERE sexa finalmente anulado “a empresa terá que pagarlles as indemnizacións de 40 días por ano, os salarios de tramitación de polo menos seis meses e as débedas pendentes”. De feito, a compañía aínda lle adebeda ao persoal da planta de elaborados varias pagas extra, a última nómina e o finiquito, mentres que os empregados do frigorífico teñen pendente de cobrar os atrasos salariais de convenio dende 2011, o que sumaría uns 4.000 €, ademais do acerriquito e da liquidación.
Finalmente, dende a central nacionalista indicaron que a liquidez que lle permitiría á empresa afrontar estes pagos que ofrece nas cartas foi posíbel grazas á venda das licencias Nafo de tres barcos, polas que ingresou 10 millóns de euros. “Un despacho de avogados ofreceu até 18 millóns e mantivo unha entrevista coa administración concursal, que non fixo movementos a pesar de que este diñeiro permitiría pagar indemnizacións de 45 días por ano”. Diante disto, a CIG remitiulle cartas aos avogados dos acredores da compañía de alimentación para que trasladen esta cuestión no xuízo do día 26.