Colectivos, partidos, sindicatos e organización que se califican como “ridiculistas de base” convocan para este xoves, ás 8 da tarde na Praza do Toural, en Santiago, unha concentración lúdica e posterior “manifestación sarcástica” para proclamar a “Froilán I Rei da Galiza’.
A manifestación, indican os organizadores, require como “código de vestimenta levar boina azul e barba hipster” e ven imprescindible acudir “limpos e aseados”. “Somos xente de ben, non perroflautas nin republicanos”, aclaran.
Segundo explicaron, coa súa convocatoria reivindican “o inalienable dereito ao trono do Histórico Reino da Galiza para Felipe Juan Froilán de Todos los Santos de Marichalar e Borbón e conta nova”. Ademais, defenden a “apertura de primarias á galega” na sucesión ao trono de España, “de cara a que poida concorrer” a súa “candidata favorita”, dona Elena de Borbón, “que é súper riquiña”.
Os convocantes á protesta lúdica deste xoves en Compostela chaman a acudir á cita “coas mellores galas” e apelan a “demostrar que somos máis ca eles, os oito Felipe-Sextistas que se xuntaron no Toural o outro día”.
“Unidos comeremos merda, pero comerémola nun mesmo prato e, xa se sabe, que o rozamento fai o cariño”, ironizan. Ademais, piden acudir con “bandeiras do Reino Suevo e de Galiza, nada de estrelas vermellas”.