Vigo al minuto

Á venda as entradas para Imaxina Sons

Hoxe luns, día 16, puxéronse á venda as entradas para a décima edición do Festival de Jazz de Vigo IMAXINA SONS’14, que terá lugar do 26 de xuño ao 5 de xullo; os concertos de pagamento desenvolveranse no Auditorio Municipal do Concello (5 € + gastos de xestión), e no salón de actos do Marco (3 € + gastos de xestión). As entradas poden mercarse anticipadamente no servizo de Servinova (www.servinova.com, ou no teléfono 902.504.500) e na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26).

En 2014, Imaxina Sons reúne a algúns dos músicos máis destacados do presente do jazz en Europa, que ademais van marcar os roteiros do futuro, xa que a súa carreira ten unha gran proxección e está a medio camiño. No Auditorio Municipal poderemos desfrutar, entre outros, de Marco Mezquida, o pianista balear cuxo trío encargarase de inaugurar esta décima edición, do alemán Michael Wollny, do portugués Hugo Carvalhais, da viguesa, residente en Berlín, Lucía Martínez ou do guitarrista israelí residente en Nova York, Gilad Hekselman. Ademais, o pianista Alberto Conde presentará en primicia o seu proxecto Human Evolution Music Project, gravado en Portugal e que tende pontes ademais cos sons da India.

No seu décimo aniversario, Imaxina Sons contará co francés Pierre Bastien, pioneiro dalgúns dos discursos sonoros actuais da música experimental ou a electrónica e recoñecido mundialmente pola súa orquestra de autómatas. O catalán Xavi Lozano, multiinstrumentista e creador de sons a partir de obxectos cotiáns, tamén formará parte do cartel deste ano.

 

También te puede interesar