Os integrantes das plataformas de Afectados polas Preferentes de Pontevedra, Marín e O Salnés anunciaron este xoves que abandonan “a loita na rúa” tras recuperar os seus aforros. Segundo informaron, este logro supón que os máis de 300 integrantes da plataforma de Pontevedra-Marín recuperaron uns 10 millóns de euros e os aproximadamente 250 prexudicados do Salnés, entre 8 e 9 millóns. Nesta última plataforma quedan tres afectados pendentes de resolucións xudiciais.
O voceiro da Asociación de afectados de Pontevedra-Marín, confirmou que esta plataforma se sumará a todas as demandas que se presenten ante a Audiencia Nacional contra os “responsables desta estafa”.
Para a plataforma “empeza unha nova etapa que ten como propósito conseguir que os responsables da venda de preferentes e subordinadas paguen por iso”. Ademáis, tamén esixirán a retirada das sancións impostas aos afectados pola súa participación en distinto tipo de protestas, aínda que aclararon que ningún membro da plataforma de Marín e Pontevedra está afectado por multa, non obstante, hai aforrador de O Salnés con dúas multas agora recorridas. En todo Galicia se impuxeron sancións por un total de 20.000 €.