A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), transferirá nos próximos días máis de 4 millóns de euros a case 10.000 agricultores de Galicia, en concepto de axudas directas da Política Agraria Comunitaria (PAC) tramitadas mediante a solicitude unificada do ano 2013.
Entre os importes que se repartirán están aqueles destinados ás explotacións de vacún de leite que comercialicen a súa produción a través dun sistema de calidade do produto recoñecido. Neste sentido, 3.781 produtores recibirán axudas por máis de 2 millóns.
Ademais, tamén recibirán pagamentos 4.776 solicitantes de axudas para a mellora da calidade da carne de vacún. Esta subvención, que repartirá 700.000 €, busca incentivar a mellora da calidade e a comercialización desta carne.
O importe restante, máis de 1 millón de euros, corresponde a beneficiarios de diferentes axudas directas que ata o momento non tiñan completas as súas solicitudes, detallou o departamento autonómico nun comunicado.