A CIG-Servizos de Vigo denuncia que a falta de persoal de limpeza do Hospital Xeral está a afectar á prestación do servizo e á salubridade no centro, nunha situación provocada pola concesionaria Clece ao non efectuar substitucións por vacacións, baixas e días de descanso. Responsabilizan da situación á propia Xunta, que “coa política de recortes está a contribuir á degradación deste servizo esencial”.
A Federación de Servizos da CIG indica que neste inicio de agosto hai unicamente 25 limpadoras en exercicio das súas funcións fronte aos 35 dos servizos mínimos impostos na anterior folga, dando idea da saturación á que se ve abocado o persoal. Deste xeito, “e dado que Clece non está a substituír vacacións, baixas e días de descanso, non se pode recoller a roupa e o lixo das plantas e non se efectúan as limpezas necesarias nas habitacións” perante a falta de persoal.
A Xerencia do Hospital, aínda que coñece, o caso, indica a CIG, “fai caso omiso á alerta do persoal”, respostando que está previsto que a concesión saia a concurso nas próximas semanas. A CIG-Servizos, aínda que é coñecedora dos planos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), alerta de que as empresas que se presenten ao mesmo “voltarán facelo por menos cartos que o prezo de saída”, afondando na redución do servizo de limpeza. Argumentan a sospeita en que a Consellaría “aumentou moi pouco o prezo -20 mil euros máis que o ano pasado-” e que desta volta a oferta económica será valorada con 75 puntos e a técnica con 25 fronte a equiparación do anterior proceso.