Os 13.000 asentos do campo de Pasarón estarán ocupados para acoller o I Trofeo Federación Galega – que retransmite a TVG ás 9 e media da noite deste mércores- a prol do fútbol base galego, e que enfrontará ao Celta e ao Deportivo, no que será o primeiro ‘derby’ da tempada.
A Federación Galega agarda chegar aos 100.000 € para repartir entre os clubes modestos, ainda que a atención está neste choque entre os dous equipos galegos de Primeira, apenas un mes antes de que se midan na Liga- na 5ª xornada o martes 23 de setembro en Balaídos-.
Ambos clubes, a Federación e a Deputación de Pontevedra, organizadora do partido, pediron aos seareiros para que a cita sexa unha festa do fútbol galego, que non haxa altercados e que a rivalidade quede no campo.
Víctor Fernández, que adestrou o Celta entre 1998 e 2002, terá as baixas de Manuel Pablo, Lucas Pérez e Salomao, que se recupera dunha loga lesión de xeonllo. Berizzo, que a fin de semana terá a última proba no Memorial Quinocho fronte ao Cagliari italiano, non contará con Augusto e Nemanja Radoja, recén chegados, nin con Jota Peleteiro e Pablo Hernández.
As alineacións poderían ser: polo Celta: Sergio; Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Planas; Borja Fernández, Krohn-Dehli, Álex López; Orellana, Nolito e Larrivey; e polo Deportivo: Lux; Laure, Lopo, Pablo Insua, Canella; Wilk, Juan Domínguez; Cuenca, Fariña, Cavaleiro; e Toché. O árbitro será o galego Ignacio Iglesias Villanueva.