O Índice de Prezos de Consumo (IPC)- o popular custo da vida- baixou un 1,2% en xullo en Galicia en relación co mes anterior, de modo que a taxa interanual retrocedeu cinco décimas e situouse nun -0,2%, un dato negativo que non se producía dende outubro de 2009 -cando fora do -0,8%-.
De media do que vai de ano, os prezos descenderon un 1,4% en Galicia, de acordo cos datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).
No conxunto do Estado, o IPC retrocedeu un 0,9% en xullo respecto a xuño, ao tempo que recortou catro décimas a súa taxa interanual, ata o -0,3%, debido ao descenso do recibo da luz e á estabilidade dos prezos dos carburantes.
Aquí, a caída mensual, do 1,2%, debeuse fundamentalmente á diminución dos prezos de vestido e calzado (-12,8%) e á das comunicacións (-1,2%). Do lado contrario, aumentaron en comparación con xuño os prezos de hoteis, cafés e restaurantes (+0,9%), ocio e cultura (+0,8%) e bebidas alcohólicas e tabaco (+0,3%).