O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón ao Concello no proceso iniciado pola administración local en contra da Autoridade Portuaria, pola realización de varias obras no peirao de comercio e na zona das antigas naves de redeiros.
No seu día, o Concello presentou un contencioso administrativo contra as resolucións do Porto – presidido por Corina Porro- que aprobaron o proxecto, licitación e adxudicación das obras no no popular’Alpendre’ do peirao de Comercio, e nas antigas naves de redeiros, onde se ían instalar locais de restauración vinculada á pesca fresca.
O Tribunal Superior estimou ese recurso, e considera que esas resolucións do Porto “non son conformes a dereito” e, polo tanto, as anula xa que estima que esas obras non se axustaban ao Plan Especial do Porto e non tiñan licenza municipal.
“Gañámolo todo, o ditame anula eses actos do Porto, e agora ¿quen paga os 2 millóns que costou todo aquilo?“, declarou o alcalde en relación ás obras paralizadas dende hai anos e nas que, daquela, a presidenta do Porto colocou un cartel nas que advertía que estaban asi ‘por resolución do Concello’, cartel que mantivo durante varios meses o seu sucesor á fronte da Autoridade Portuaria.