Comarcas

A Deputación aproba un orzamento de máis de 2 millóns para obras en toda a provincia

O presidente da Deputación, Rafael Louzán/Tresyuno Comunicación

A Deputación de Pontevedra aprobou destinar máis de 2 millóns de euros a obras en diversos concellos da provincia. Na Xunta de goberno deste venres, concedéronse case 175.000 € a Caldas de Reis para pavimentación de camiños e limpeza de cunetas; mentres que Lalín contará con 186.000 € para mellorar a capa de rodadura en distintas zonas e con outros 178.000 € para o aglomerado de tres rúas.

No parque infantil de A Xunqueira, en Vilagarcía de Arousa, inverteranse 63.000 €; e en acondicionar o salón de actos da Casa do concello de Catoira gastaranse case 80.000. Poio recibirá 75.000 € para pavimentación e dotación de servizos de recollida de augas pluviais no Camiño de Tarrío, nunha zona de alto valor patrimonial; a urbanización dunha rúa en Gondomar requirirá uns 270.000 €; e a peatonalización doutra en Nigrán suporá máis de 218.000.

Baiona disporá de máis de 123.000 € para acondicionar un camiño e Tomiño recibirá 221.000 para unha rede de saneamento; mentres que Redondela urbanizará unha rúa por 154.000 € e O Porriño construirá unha bancada de público nun campo de fútbol por 125.000 €.

Mos recibirá dúas achegas, unha de 71.000 € para a pavimentación dunha estrada e outra de máis de 62.000 € para mellorar a rede de saneamento municipal.

 

You may also like