Navantia Ferrol so construirá parte do flotel de Pémex anunciado por Feijóo

A dirección de Navantia comunicou aos traballadores a intención de derivar a construción de oito bloques do buque flotel para a petroleira mexicana, Pemex, ao estaleiro de Porto Real, na baía de Cádiz.

Ante este feitos, os traballadores, en asamblea, aprobaron un novo calendario de mobilizacións e sairon en dirección ao Concello, onde 10 representantes do comité de empresa se reuniron co alcalde, o popular José Manuel Rey Varela.

“Hai un grande enfado”, advertiron os empregados do estaleiro público, e afirmaron que a asemblea se celebrou “nun ambiente moi quente” xa que, segundo explicaron, a previsión de Navantia é que se constrúan eses oito bloques en Cádiz para o seu posterior traslado a Ferrol para a súa ensamblaxe.

A este asunto xa se referiu o alcalde de Ferrol quen, en respostas aos xornalistas, asegurou que de confirmarse esta intención “esixirá responsabilidades políticas á dirección de Navantia”. Ademais, Rey, tamén afirmou que “é absolutamente impresentable que por cuestións técnicas se formule o traslado de carga de traballo da ría de Ferrol á Cádiz”, e adiantou que esta decisión terá “unha clara e contundente resposta política”.

Pola súa banda os voceiros da oposición no Parlamento de Galicia criticaron esta decisión e sinalaron como responsable ao presidente da Xunta. Carme Adán, do BNG, preguntou a Alberto Núñez Feijóo, se “pensa presentarse ás primarias do PP en Andalucía”, xa que as “súas xestións comerciais tan dilixentes” con Pemex serviron para que “a carga de traballo se vaia fóra de Galicia”.

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez criticou  a “falta de vontade” do presidente para dar solucións ao sector naval e censurou tamén a “comedia” que está a facer o PP galego ao culpar agora a Navantia do envío de oito bloques do flotel para a súa construción en Navantia Cádiz.

A deputada do PSdeG Beatriz Sestayo esixiu este venres “explicacións” ao presidente da Xunta, , pola “marcha” de oito bloques do flotel de Pemex aos estaleiros de Navantia en Cádiz. Ademais, en declaracións aos medios, a socialista pediu a Feijóo“a mesma axilidade” en dar esas “explicacións” que cando ordenou “interromper a programación dos medios públicos” para anunciar a construción do flotel.

Pola súa banda, o conselleiro de Industria amosou a “desconformidade” do Goberno galego ante a “posible” decisión de Navantia Ferrol de trasladar parte da construción do flotel para Pemex ás instalacións de Cádiz, e apelou ao “sentido común” da empresa.

 

También te puede interesar