Os traballadores de mantemento do hospital Meixoeiro denuncian, a través dos delegados de persoal, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) reducirá o gasto en mantemento industrial do centro nun 28.7% en tres anos, pasando dun orzamento de licitación de 1.749.827 € en 2011 a 1.247.124 €- en total 502.703 €- para 2014, cando a nova empresa adxudicataria asumirá a concesión. O persoal entende que esta decisión “suporá o deterioro do servizo”.
“A decisión é responsabilidade do Sergas, tendo en conta que o prego de condicións admite baixadas dun 20% no orzamento, cando no anterior prego admitíase unha baixada máxima do 12%”, sosteñen. Ao mesmo tempo, critican que a nova empresa superase por 9 céntimos a oferta considerada desproporcionada ou temeraria, así como que o Sergas valorase con 70 puntos a oferta económica e con tan só 30 puntos a organización e desenvolvemento do servizo.
O cadro de persoal considera que o Meixoeiro require dun maior investimento nesta materia “posto que foi ampliado e co paso dos anos require un maior mantemento”. Proba disto -detallan- é o aumento do número de partes de avaría nun 10%, “coincidindo coa redución do traballo preventivo nun 5% que se deberá aplicar, así como maiores investimentos nas instalacións de fontanaría, calefacción, electricidade e refrixeración”.
Finalmente, indican que para evitar que se chegue a unha situación que pode provocar importantes problemas enfermos solicitaron diversas reunións cos responsábeis de dirección e mantemento do Sergas, “pero unha política de recortes sen criterio onde priorizan a publicidade do novo hospital e concertos con centros privados imponse a unha mellora dos servizos”.