O Parlamento de Galicia rexeita, cos votos do PP, a anulación de expedientes que sancionan a emigrantes retornados

Centos de emigrantes retornados manifestáronse este martes, dende as 11, en Compostela, antes de concentrarse diante do Parlamento de Galicia para  esixir a anulación dos expedientes sancionadores e a modificación da lei.

Para a Coordinadora Galega de Emigrantes retornados a de hoxe era unha manifestación especialmente relevante xa que coincidía co debate no Parlamento dunha proposición de lei do BNG, para a súa elevación ao Congreso dos Deputados, sobre a “Reforma da Lei 35/2006, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, relativa á tributación das pensións públicas percibidas por persoas emigrantes retornadas de estados cos que existe convenio sobre dobre imposición”.

Porén, os 40 votos en contra desta proposición do Partido Popular, fronte os 34 do resto dos grupos parlamentarios, impediron que saíra adiante co que este colectivo verase obrigado a regularizar a súa situación coa facenda española antes de xaneiro de 2015.

Os emigrantes galegos retornados con pensións de dous estados e uns ingresos superiores a 11.200 € anuais comezaron a recibir, a principios de 2013, requirimentos da Axencia Tributaria Española para que pagaran impostos polos ingresos recibidos desde o ano 2008. As comunicacións incluían a ameaza de posíbeis sancións e do cobro de intereses de demora, con carácter retroactivo, que os obrigaban a facer unha declaración de cinco anos- de 2008 a2013- e a pagar a totalidade da cantidade resultante nun prazo de 10 días.

Comezaron así a organizarse para denunciar as abusivas cantidades reclamadas en concepto de impostos, xuros de demora e sancións polas pensións percibidas dos países nos que traballaron e o trato discriminatorio que estaban a sufrir fronte a pensionistas que só cobran pensións do Estado español, que non están obrigados a tributar se os seus ingresos non superan os 22.000 € anuais. Xunto a isto, denuncian tamén o carácter inxusto desta decisión, xa que nunca foran informados nin requiridos pola facenda española.

Entre as súas demandas está a de que se proceda á regularización da situación do período 2008-2012 sen fixar para as persoas ás que se lles están reclamando cantidades adebedadas nin recargo, nin intereses de demora. Esixen, ademáis, a revogación dos expedientes xa iniciados e a devolución do pagado; a anulación dos expedientes sancionadores e a modificación da lei para garantir a igualdade de trato.

 

También te puede interesar