A única deputada do colectivo Cerna que ata agora estaba integrada en Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) no Parlamento de Galicia, Chelo Martínez, solicitou integrarse no Grupo Mixto, tras a ruptura de Anova na súa segunda asemblea. Este grupo decidiu en referendo deixar a organización que lidera Xosé Manuel Beiras por discrepancias coa política de alianzas da organización.
O distanciamento de Chelo Martínez coa coalición fíxose patente durante a discusión sobre as alianzas para as eleccións europeas de maio deste ano, cando publicamente discrepou do pacto con Esquerda Unida (EU).
No Grupo Mixto do Parlamento galego xa está unha deputada procedente de Esquerda Unida, Carmen Iglesias, que relevou a David Fernández Calviño (Anova) cando este se foi a Dinamarca como investigador. Esa foi a primeira crise da coalición, cando a número dous por Ourense non aceptou deixar a súa acta para que a collese a seguinte na lista e manter, así, o equilibrio de forzas entre os socios que saíu das urnas.