Chega un ano máis, o esperado Magosto de Vigo, organizado pola Federación de Peñas Recreativas “El Olivo“, en colaboración co Concello de Vigo. O evento comezará a partires das 18 horas do sábado día 8, na Praza do Berbés, coa repartición das castañas.
A cita estará amenizada coa música de gaitas e baile, do grupo Xuntanza, ás 18 e media. Unha hora máis tarde, a tenente de alcalde, Carmela Silva, será a encargada da lectura do pregón. O acompañamento musical volverá a ter presenza pasadas as 20 horas, coa actuación do Orfeón Mariñeiro do Berbés. O Magosto finalizará ás 21:30 horas.
Na mesma xornada, a Biblioteca Pública Juan Compañel ofrece para os cativos a historia de “O misterio do pirata Benito Soto” ás 12 horas, a cargo de Polo Correo do Vento. A actividade mestura a narración oral e a ilustración, finalizando cun taller de dibuxo de temática pirata. A iniciativa forma parte da campaña de dinamización da lectura, Ler conta moito, da Rede Galega de Bibliotecas.