Comarcas

O BNG de As Neves denuncia que o Concello pagou o soldo íntegro ao director da Escola de Música cando nin tiña dedicación total nin traballaba todas as horas

O voceiro do BNG, á dereita, pídelle explicacións ao alcalde durante un Pleno do Concello de As Neves/Tresyuno Comunicación

O BNG de As Neves ven de denunciar que o goberno local mantivo no seu posto, e pagou a totalidade da nómina do director da Escola Municipal de Música, ainda que nin lle adicaba as horas que estaban no contrato, nin traballaba con dedicación exclusiva, pese a que non tiña autorizada a compatibilidade.

O director da Escola de Música, Rafael Pérez Dopeso, foi contratado en 1991 como profesor de música, primeiro en prácticas, e logo en sucesivos contratos temporais encadeados para, finalmente, subscribir un contrato de xeito “interino, mentres non se convocara a cobertura desta praza”, praza que o Concello das Neves nunca sacou a concurso público.

Segundo o voceiro do grupo municipal do BNG, o Concello das Neves e o señor Pérez Dopeso formalizaron un contrato a “tempo completo”, máis este nunca traballou as 40 horas semanais (como tiña estipulado no seu contrato laboral), senón que a súa dedicación non pasaba das 10 horas na Escola de Música, pese ao cal o Concello abonaba integramente a nómina mensual.

Simultaneamente, subliña o Bloque, prestaba os seus servizos como director da Banda de Música de Rubiós e da Coral de Santa María de As Neves, “nunca por un tempo superior ás 10 horas á semana, o cal supón que entre as dúas ocupacións sumaba só 20 horas de traballo”.

A situación, indica o voceiro municipal do Bloque Nacionalista Galego en As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, fíxose aínda máis irregular cando Pérez Dopeso conqueriu unha praza no Conservatorio de Ponteareas a tempo completo, “sen abandoar o seu posto en As Neves, contravenindo a Lei de incompatibilidades que non permite ter dúas ocupacións na Administración a tempo completo”.

Esta circunstancia era coñecida polo alcalde, Raúl Emilio Castro, quen mantivo no seu posto ao director da Escola Municipal de Música, “e iso que o Concello de Ponteareas pediulle hai máis dun ano a Rafael Pérez Dopeso que acrarase a súa situación”, algo que, indica o BNG, non fixo ata principio deste ano.

O Pleno do Concello de As Neves aprobou en marzo deste 2014 a súa redución de xornada de 40 a 10 horas semanais, “sen entrar na incompatibilidade de ter dous contratos con dous concellos que, en conxunto superaban a xornada laboral de 40 horas ata o Pleno o pasado luns, 24 de novembro”.

O Goberno local non aplicou a redución de xornada solicitada en xaneiro ata o 1 de xuño de 2014, co cal, ata ese mes, Pérez Dopeso estivo cobrando íntegros os dous soldos: o de membro do conservatorio de Ponteareas e o de director da Escola Municipal de As Neves.

“Aínda máis, o alcalde ditou un Decreto en data 29 de maio de 2014, polo que fixo aprobar para Pérez Dopeso un salario novo, que supuxo que pasase a cobrar 576,64 € ao mes que, de feito, implicaba que cobrase, en realidade, casi o 50% da súa nómina anterior (1387,79€) e non a cuarta parte, como acordara o Pleno, posto que as horas de traballo en As Neves baixaban de 40 a 10”, ao que hai que sumar o abono do Plus de productividade a xornada completa.

Á vista disto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego ven de pedir ao alcalde, Raúl Emilio Castro, que explique cómo é posible que consentise que os cartos dos veciños de As Neves se dedicasen a pagar a unha persoa por unha xornada de 40 horas cando na realidade traballaba 10 (ou contando a Banda e a Coral 20 hs) e, tamén, cómo é posible que mantivese esa situación durante anos e cal é o motivo polo que non aplicou a Lei de incompatibilidades entre o traballo no Conservatorio de Ponteareas e o das Neves e porqué lle subiu o salario cando se reduciu a xornada.

Ademáis, o BNG, esixe a Castro que diga qué vai facer para recuperar para o Concello a cantidade pagada de máis, e o que indique o porqué deste proceder.

 

También te puede interesar