A Consellería de Traballo e Benestar vén de poñer en marcha unha nova edición do Plan de Formación para Coidados no contorno familiar de persoas dependentes, unha iniciativa coa que se formará a máis de 1.600 coidadores non profesionais a través de máis de 110 accións.
Esta actuación, que se encadra no programa ‘Xuntos nos Coidados’ inclúe nesta edición novidades: ademais dos cursos de formación básicos e os específicos para coidadores non profesionais de persoas dependentes con demencia, poranse en marcha cursos específicos para coidadores de menores de idade e para usuarios de asistencia persoal, así como obradoiros de aplicación práctica dos coidados no domicilio. Así mesmo, crearanse, por primeira vez, grupos de autoaxuda para formar lugares de encontro, onde os coidadores poidan recibir formación, atención psicosocial e ocio terapéutico, ao tempo que se poidan relacionar con persoas que vivan as mesmas circunstancias. A meirande parte das diferentes accións xa comezaron a impartirse e moitas rematarán antes de que acabe o ano.
Con respecto aos cursos de formación básica, está previsto que participen 450 coidadores e coidadoras nas 18 accións que se levarán a cabo nas 7 grandes cidades, tendo en conta que a Consellería xa ten desenvolvidos 240 cursos na meirande parte dos concellos galegos.
Como continuación aos manuais de formación específicos xa publicados, este ano elaborarase unha guía dirixida a persoas coidadoras de menores en situación de dependencia. Ademais, impartiranse, de cara a 2015, 7 cursos formativos e 7 obradoiros.
En terceiro lugar, realizaranse 7 accións de seguimento e reforzo de formación de persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia con demencia, tendo en conta que ao longo dos últimos 4 anos téñense desenvolvidos 67 cursos neste eido. O obxectivo agora é realizar unha avaliación dos resultados da formación inicial e, ao mesmo tempo, dotar ao programa dun carácter continuo.
Con respecto aos obradoiros de aplicación dos coidados no domicilio, está prevista a realización dun total de 45 en contornos rurais de elevada dispersión. Do que se trata é de chegar aos fogares dos coidadores que non poden realizar os cursos.
A quinta actuación do plan céntrase na elaboración dun manual de formación para persoas usuarias da prestación de asistencia persoal, así como a impartición de cursos neste ámbito. Está previsto levar a cabo 7 cursos formativos dirixidos especificamente a estas persoas que inclúen, entre outras accións, ofrecer información sobre produtos de apoio que melloren o coidado da persoa dependente ou orientar sobre os recursos sociosanitarios na súa área de influencia.