Case o 19 % das receitas prescritas por os seus facultativos a pensionistas galegos que deben aboar parte dos seus fármacos- copago- non son recollidas nas farmacias. Así o sinala un estudio sobre o nivel de adherencia aos tratamentos farmacolóxicos realizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e que foi presentado polo xerente deste organismo.
Antonio Fernández-Campa asegurou que esta información “non determina que os pacientes tomen efectivamente os medicamentos” e comentou que o feito de que non os recollan pode deberse a “diferentes motivos, entre eles que xa dispoñan dese fármaco na casa”.
Grazas á implantación da receita electrónica, o Sergas analizou a recollida ou non de 30 millóns de receitas prescrita en Galicia entre xaneiro e xullo deste ano. Ademais, os datos foron analizados baseándose en distintos grupos, o de persoas que acceden de forma gratuíta aos fármacos -perceptores de pensións non contributivas, da Risga ou desempregados sen prestación- , o de pensionistas que si teñen achega e o do resto de usuarios -tamén segundo o seu nivel de renda-.
Entre os principais resultados do estudio, Fernández-Campa explicou que o 83,5 % das receitas expedidas a usuarios exentos de achega económica foron recollidos, mentres que no caso dos pensionistas con copagamento, a cifra baixou ata o 81,1 % de receitas recollidas, ainda que non quixo entrar nas razóns concretas desta diferenza, que cualificou como “non estatisticamente significativa”, alegando que non se pode atribuír unicamente a motivos económicos.
Con todo o xerente do Sergas amosouse satisfeito por estes datos, que evidencian que as cifras de adherencia terapéutica en Galicia “son mellores” que as globais preditas pola Organización Mundial da Saúde.