O mozo de 22 anos de idade que apareceu morto o pasado domingo no encoro de Albarellos, no concello ourensán de Boborás, foi golpeado antes de morrer, segundo os primeiros exames do cadáver, e despois foi botado ao río Viñao, onde o atoparon uns veciños.
Segundo as investigacións da Garda Civil na operación ‘A Esmorga’, o mozo A.W.B. e os tres detidos pola súa implicación neste homicidio, pasaron unha noite de festa xuntos o pasado venres ao sábado, durante a cal se consumiu alcohol e drogas e remataron na adega dun deles. Alí empezou unha discusión e o rapaz morto, o máis novo de todos, foi golpeadoe logo botado a unha canle que conduciu o corpo ata o encoro de Albarellos.
As indagacións da Policía levaron á detención o luns de O.E.L., de 25 anos de idade, e E.L.F., de 36 anos, ambos os dous veciños Boborás, e un terceiro B.P.V., de 23 anos e veciño do Carballiño.
Os tres detidos seguen prestando declaración no cuartel de Ourense, dende onde pasarán a disposición xudicial nas próximas horas para declarar ante o Xulgado de Instrución Número 2 de O Carballiño.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) indicaron que as dilixencias abertas queren coñecer o alcance da participación nos feitos de cada un dos tres detidos, que eran coñecidos da vítima.