Vigo impulsa estes días unha campaña solidaria de recollida de bicicletas usadas, doadas polos seus propietarios, para que, se é necesario, se reparen antes de repartilas entre persoas con poucos recursos.
Organizada polo Concello e ‘A Golpe de Pedal’, El Corte Inglés e 10 talleres e tendas viguesas, a iniciativa pide a aqueles veciños que teñan unha bici que non usen, que a entreguen nas tendas colaboradoras – Anca, Bicitotal, Biciocon, Cromoly, Galicia en Bici, Gonzalo Aguiar, NBike, Trek e XtremeBike- onde as arranxarán e logo serán recollidas por ‘A Golpe de Pedal’ e depositadas no Parque Central do Concello para que sexan repartidas entre as asociacións que traballan con familias en situación de inclusión social e do programa “Infancia en familia”, a través dos traballadores sociais que farán un estudo previo das necesidades.
O de Nadal é un reparto “especial” dentro da iniciativa “Unha bici, un sorriso”, que permanece activa ao longo de todo o ano. De feito, tal e como indicou o responsable de A Golpe de Pedal, José Manuel Suárez- quen subliñou que xa hai 850 bicios das 1.000 que é o obxectivo-, a previsión é facer outro gran reparto de bicicletas para finais do curso escolar. Aqueles interesados en coñecer ou participar nesta campaña poden informarse na web do Concello ou no teléfono gratuito 010.