Segundo o Bloque Nacionalista Galego, a Fiscalía ven de requirir ao Concello de Ponteareas toda a documentación relativa á revisión de oficio dos contratos de persoal que forman parte da sentenza “dos enchufados”, contratos polos que xa foi inhabilitado no seu día José Castro e todo o goberno do PP trala querela presentada polo BNG.
Esta actuación da Fiscalía da área de Vigo, dada a coñecer polo portavoz do BNG, Xosé Represas, estaría relacionada coa revisión de oficio dos contratos da sentenza do Tribunal Supremo de decembro de 2003. Esta revisión, iniciada por imperativo legal en 2009 como consecuencia da demanda presentada polo sindicato nacionalista CIG, foi paralizada coa xustificación da oferta de emprego público e consolidación do persoal laboral na que figuraban as prazas da referida sentenza.
A Fiscalía, que deu 10 días de prazo ao goberno local para que lle remitise toda a documentación, estaría recabando información sobre presuntas irregularidades cometidas no proceso de consolidación destas prazas. Proceso reactivado nos últimos meses polo alcalde e a concelleira de Persoal, “para blindar os postos de traballo conseguidos ilegalmente”.
O voceiro do BNG lembrou que a Secretaria Municipal xa advertiu no seu día que a convocatoria de consolidación podía ser anulada por “vulnerar os principios de igualdade, mérito e capacidade e o feito de que a devandita convocatoria non determina a forma de cualificación dos exercicios da oposición, nin a composición do tribunal”, afirmou a Secretaria que tamén advertiu, “non se entende que un único exame tipo test sexa suficiente para determinar a capacidade e aptitude dos aspirantes”
Dende o Bloque consideran que con estas advertencias e as limitacións de contratar persoal fixadas no Decreto 20/2011 do 30 de decembro de 2011, outras instancias da Administración Pública e Xudicial como a Avogacía do Estado ou a Fiscalía, no exercicio das súas competencias, deben intervir para requirir ao alcalde González Solla a anulación de todo o proceso e deixar sen efecto unha convocatoria realizada como “un traxe a medida para os enchufados do PP”.