A plataforma Queremos Galego confía en que a manifestación que percorrerá as rúas de Santiago o próximo 8 de febreiro será “masiva” e rexistrará números similares ás grandes protestas celebradas en Galicia “en defensa do idioma”. Nesta ocasión, baixo o lema ‘Polas fillas dos noso fillos’, o eixe temático será a supervivencia de Galicia a través da pervivencia e a transmisión da lingua.
Así o explicaron tanto Susana Méndez como Marcos Maceira, integrantes de Queremos Galego, acompañados de diversos representantes das máis de 600 entidades da sociedade galega que forman parte desta plataforma.
“Pretende ser un berro, se non unánime, si da grande maioría do pobo galego que ve como a nosa lingua perde falantes e sofre continuos ataques”, sinalou Méndez, quen engadiu que a dirección que buscan é a contraria: que o galego sexa “unha lingua forte, normalizada“.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, amosou o cartel da marcha co que a plataforma “inundou todo o país, todas as bisbarras galegas” para conseguir que esta manifestación sexa “das máis importantes de Europa” en defensa dun idioma.
A imaxe pretende mostrar o “problema central” da lingua e que tamén afecta “ao futuro e a existencia de Galicia como pobo”, e é “a pervivencia do idioma” e a necesidade de desenvolverse “plenamente en todos os planos da vida”.
Ante esta situación, Queremos Galego quere que a manifestación do 8 de febreiro sexa “a proba máis palpable de que o galego ten futuro” pola vontade de “moitos pais e nais” que o transmiten a pesar de que “non existen dvds” con series infantís nin xoguetes nesta lingua, no marco dun panorama social no que non se poden “facer trámites” administrativos ou xudiciais neste idioma.