A Consellería Territorio e Infraestruturas adxudicou por máis de 1,5 millóns de euros as obras de mellora da Avenida Clara Campoamor, que terán que estar rematadas este verán, e que permitirán canalizar o tráfico no acceso ao novo hospital de Vigo.
Así o comunicou o Goberno galego, que indicou que as tarefas de preparación e reformulo dos traballos levaranse a cabo nas próximas semanas, unha vez que se asine o contrato de obra coa empresa adxudicataria: Construccións Taboada e Ramos.
Está previsto que as obras, que contarán cun orzamento de 1.527.020 euros, dean comezo o próximo mes de marzo, dende a Avenida Campoamor e a glorieta do segundo cinto de Vigo.
O prazo de execución será de catro meses e actuarase nun tramo cunha lonxitude de 590 metros, onde se ampliará a plataforma da avenida con dous carrís para cada lado para incrementar a súa capacidade, se construirá unha nova glorieta e se creará un semienlace para a zona de urxencias, cun carril exclusivo que cruzará o río Barxa a través dun pequeno viaduto.
As obras comezarán na rotonda de enlace co cinto de circunvalación de Vigo (VG-20), onde está prevista tamén a construción dunha saída para acceder ao hospital. Así, a vía bifurcarase en dous carrís, un de entrada habitual ao centro hospitalario e outro exclusivo para urxencias.
Así mesmo, a nova glorieta que se construirá contará con dous carrís para a circulación de vehículos, unha beiravía de dous metros e unha senda peonil que conectará a rotonda co acceso ás urxencias do hospital.