Cultura

Denuncian que os leóns dun circo instalado en Mos teñen que soportar noites de 2 graos pechados en gaiolas minúsculas

A asociación Verdegaia ven de presentar, por rexistro, no Concello de Mos unha proposta de moción para que a vila se declare “Vila amiga dos animais” e non volva a promover nin apoiar circos que utilicen animais.

A proposta xurde da denuncia desta asociación do feito de que un circo, instalado neste concello,a pesar de contar con un repertorio variado de malabaristas e pallasos, é un dos circos que se resiste a abandonar a utilización de animais”.

Verdegaia subliña que os leóns deste circo “en lugar de estar na sabana africana soportan en gaiolas minúsculas as xélidas noites desta semana” e lembran que o concello, que ten a potestade para conceder ao circo a autorización de instalación, debería recapacitar sobre as eventuais vantaxes da realización deste tipo de exhibicións no territorio que administran.

“Os cativos, que son xeralmente o público maioritario, reciben unha versión terxiversada e falsa dos animais, resultando de todo anti pedagóxico. Moi distante dunha educación ambiental que ensine a observar, comprender, respectar e amar as demais formas de vida”, denuncia Verdegaia e lembra que os animais son seres vivos con necesidades, sentimentos e capacidade de sufrimento, “non obxectos para o noso uso e divertimento”.

Verdegaia entende que “a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos e urxe o recoñecemento de determinados dereitos a todos os animais non-humanos”.

 

You may also like